Padrenda é un municipio pertencente á comarca da Terra de Celanova, ao oeste da provincia de Ourense, a 340 metros de altitude, cerca do Baixo Miño. Ten 57 km². Segundo o IGE no ano 2009 tiña 2.367 habitantes.
O territorio
presenta un relevo moi crebado, que cae en altitude de sur a norte.
Así na fronteira con Portugal, Pena Loura (na Serra do
Leboreiro), alcanza os 1.227 m. Desde aquí, a medida que se
encaixa a rede fluvial dos afluentes do río Miño, caso
do Barxas e Deva ata o propio Miño, as terras descenden ata os
100 m. Paisaxe, en definitiva, de montaña ao Sur, e de ribeira
ao Norte. O Miño constitúe a arteria fluvial principal.
En pleno século XX esta terra viviu con gran crueza e valor os anos da posguerra española, onde o contrabando ou "Ramboya", acepción popular, posibilitou que moitos dos seus veciños sobrevivisen á escaseza e fame daqueles anos, a pesar dos riscos. O contrabando foi desde sempre un dos oficios máis antigos por estas terras, coa veciña Castro Leboreiro (Portugal); que xerou un abundante folklore popular como a canción "A Ramboya" con ritmo de pasodobre e que se estendeu rapidamente por todo o sur de Galicia.
O extraordinario medio natural
onde se asenta o concello ofrece unha galería de paisaxes
diversas, da serra aos bosques, ríos, prados, un feixe de
estampas lonxe de ruído e contaminación onde o
visitante pode relaxarse. Á beira de oferta de deportes de
natureza, desde o sendeirismo ao rafting, hai que subliñar
tamén a gastronomía, con pratos froito da fauna local,
como a lamprea, a troita o coello, xabaril ou faisán.