Entrimo é un concello da provincia de Ourense pertencente á comarca da Baixa Limia. Cunha poboación de 1.367 habitantes (segundo o censo de 2009), distribuídos nun área de 84,5 km², o concello comprende 5 parroquias: a principal de Entrimo - Santa María A Real, e as de Galez, A Illa, A Pereira e Santo Tomé de Venceáns.
Xustamente as parroquias máis extensas, tamén as
máis montañosas, son as menos poboadas. A cabeceira
municipal está en Santa Mariña A Real, con 59,60
hab/km2. No extremo contrario atopámonos coa parroquia de San
Facundo (A Pereira) e San Lourenzo (A Illa), nas zonas máis
afastadas do centro neurálxico de Entrimo e doutros municipios
máis importantes economicamente (Bande). A distribución
dos núcleos está condicionada pola complexa orografía,
o que fai que as distancias sexan significativas entre os núcleos
de poboación, aínda sen ser estas demasiado grandes.
A Serra de Santa Eufemia, a Serra do Xurés, a Serra de
Pena, a Serra do Pisco e o Monte do Quinxo son as formacións
montañosas que flanquean o val do Limia e fan límite
natural con Portugal. Nesa área están a maioría
de montes veciñais e terreos en man común de Entrimo.
As cotas máximas andan entre os 1.000 e os 1.458 metros.
Entrimo goza de temperaturas de carácter suave, cunha media anual de 13,1 ºC. O verán é normalmente caloroso, conseguíndose unha temperatura media para as máximas absolutas de ata 34 ºC en xullo. O período cálido (temperatura media entre 20-25 ºC) vai desde finais de xuño a principios de setembro e os invernos non adoitan presentar temperaturas demasiado baixas, estando a media máis baixa en xaneiro con 6,5 ºC e a media das mínimas tamén en xaneiro e febreiro con 3,6 ºC.
Do seu patrimonio artístico destaca principalmente a
Igrexa de Santa María a Real: Monumento declarado histórico-
artístico. Xoia arquitectónica cunha fachada barroca na
modalidade churrigueresca, construída a finais do século
XVII e primeira metade do XVIII. Un dos poucos exemplares deste
estilo que hai en Galicia.