Carisma

Calidad ambiental de las reservas naturales fluviales internacionales y del medio acuático

Reserva da biosfera transfronteiriza Xerés - Gerés

O rio Laboreiro está no corazón da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, declarada pola UNESCO en 2009. O sentido desta Reserva da Biosfera é impulsar a xestión coordinada dunha unidade bioxeográfica que se estende a ambos os dous lados da fronteira hispano-portuguesa. Esta coordinación que viña impulsándose dende os espazos protexidos establecidos a ambos os dous lados da fronteira, agora estenderase tamén aos proxectos de desenvolvemento sostible impulsados dende a Reserva da Biosfera.

Na parte galega, o Parque Natural Baixa Limia -Serra do Xurés foi declarado como tal polo Decreto 29/1993, por ser un lugar de grande interese pola súa xeomorfoloxía e as súas paisaxes así como polo gran valor da súa flora e fauna. Ocupa unha superficie de 20.920 ha e está situado nos termos municipais de Entrimo, Lobios e Muiños, na provincia de Ourense.

Pola parte de Portugal, o río Laboreiro está no territorio do Parque Nacional dá Peneda -Gerês (PNPG), que integra o SIC Serras dá Peneda e Gerês, creado ao abeiro da Directiva Hábitats así como tamén a Zona de Protecção Especial (ZPE) da Serra do Gerês, ao abeiro da Directiva Aves.


O territorio está caracterizado polas Serras Galaico-Minhotas, sobre materiais graníticos, e o amplo val do río Limia, unha depresión conectada con outras depresións da paisaxe galega, onde abundan os materiais areentos nos que a auga pasa con facilidade. As diferenzas de altitude, de características do chan e a dispoñibilidade de auga, dan lugar a formacións vexetais de gran riqueza, onde son destacables as formacións herbáceas naturais e seminaturais, os bosques, as breixeiras e as turbeiras altas. Un exemplo desa riqueza é a presenza de 117 especies endémicas da Península Ibérica e dúas exclusivas da zona. Na fauna destacan 204 especies protexidas nacional ou internacionalmente e 71 incluídas no Libro Vermelho de Vertebrados de Portugal. O patrimonio histórico inclúe abundantes representacións da ocupación neolítica: varias necrópoles megalíticas, túmulos e dolmens; unha importante representación da ocupación romana, e numerosos exemplos de arquitectura medieval, ben representada por numerosas igrexas.
A auga é un elemento fundamental no Parque. Pequenos rios e saltos de auga decorren polas fendas, destacando a existencia de augas mineiro-medicinais que fan posible o desenvolvemento de termalismo, como na Vila Termal de Riocaldo (Lobios). Finalmente, existen dous encoros - Salas e Lindoso- nos que é posible practicar actividades náuticas e deportivas sen motor de explosión.