Son numerosos os camiños que, ao longo dos séculos, a humanidade foi
trazando por todo o territorio. Os ríos non son unha excepción e por iso
moitos dos carreiros máis fermosos do noso país trascurren a pé de río,
seguindo os surcos naturais que a auga e o tempo foron creando na
paisaxe. Moitas destas sendas tradicionais foron esquecidas ou
abandonado o seu uso tradicional, pero xeran hoxe en día un interese
igual de importante, permitíndolle á cidadanía gozar da natureza e o medio
ambiente.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pretende coas Rutas da auga pór
en valor algúns dos itinerarios naturais existentes na contorna dos
ríos da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil, promocionando o
desenvolvemento social do medio rural e dándolle resposta á crecente
demanda social de gozar do patrimonio artístico e natural. Trátase, en
definitiva, de divulgar a través deste proxecto novas rutas e carreiros
que permitan coñecer e gozar da contorna natural dos ríos das concas do
Miño, Sil e Limia en condicións axeitadas de seguridade e
accesibilidade.