Unha iniciativa que pretende contribuír a protexer, integrar e promover os recursos naturais dos territorios transfronteirizos, especialmente nos sectores da auga e da protección da natureza, a través da cooperación internacional España-Portugal para a protección e valorización dos ríos Troncoso e Laboreiro.
O Solar do Alvarinho, situado no "Edifício dos Três Arcos", en plena zona histórica do concello de Melgaço, acollerá o próximo 25 de novembro o conxunto de conferencias que marcarán o inicio do desenvolvemento do Proxecto Carisma. Será ás 10h deste venres 25 de novembro cando se presente de forma oficial o denominado Proxecto Calidade Ambiental das Reservas Naturais Fluviais Internacionais e do Medio Acuático (CARISMA). A sesión de apertura desta xornada estará a cargo do propio alcalde do concello portugués de Melgaço, António Rui Esteves Solheiro. Falarán a continuación os representantes das outras dúas institucións socias deste proxecto europeo, Francisco Fernández Liñares, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (entidade integrada no Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño), e António Guerreiro de Brito, presidente da Administraçãou dá Região Hidrográfica do Norte I.P (Ministério dá Agricultura, do Mar, do Ambiente e do Ordenamento do Território).
Exemplo de cooperación transfronteiriza
A continuación está prevista a intervención de Elena de Miguel Gago, directora do Secretariado Técnico Conxunto POCTEP, quen disertará sobre a Cooperación Transfronteiriza España-Portugal no marco do programa europeo POCTEP 2007-2013 (INTERREG IV A). Sobre o mesmo tema falará Julia Abrantes, xefe da Divisão de Gestão dos Programas de Cooperação Transfronteiriça - Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N).
Para as 11h a axenda sinala a presentación en detalle dos obxectivos, accións e resultados esperados no marco deste proxecto. Será a quenda de José Alvarez Díaz, Xefe da Oficina de Planificación Hidrológica da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil; Arnaldo Machado, director do Departamento de Planeamento, Informação e Comunicação Administração da Região Hidrográfica do Norte I.P., e Humberto Gonçalves, xefe da Divisão de Serviços Urbanos do concello de Melgaço.
Poñer en valor un paraíso natural pouco coñecido
Do marco natural e contexto social da zona onde se realizarán as accións previstas, falarán os expertos Xosé Benito Reza Rodríguez e Manuel Silva Carvalho. Tras as súas respectivas disertacións e descrición do ámbito territorial do Proxecto Carisma, realizarase un pequeno coloquio entre os asistentes. Para a clausura do acto está prevista a asistencia de Daniel Campelo, secretario de Estado das Florestas e Desenvolvimento Rural do Ministério de Agricultura, do Mar, do Ambiente e do Ordenamento do Território de Portugal.