O conto “Unha ponte de amizade” presentouse o pasado Día Mundial da Auga no CPI de Padrenda-Crespos, noConcello de Padrenda, con motivo da xornada organizada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Os escolares puideron aprender, a través do conto “Unha ponte de amizade”, que os ríos, máis que barreiras de separación, poden converterse en pontes de proximidade e unión entre poboacións limítrofes. O relato ilustra ademais outra significativa actuación do proxecto Carisma, coa construción dunha ponte de madeira que une as poboacións de Entrimo, Melgaço e Arcos de Valdevez.
O obxectivo da xornada foi o achegamento aos máis novos para sensibilizalos e recordarlles a importancia vital que ten a auga na nosa sociedade, ademais de mostrarlles o labor que realiza a CHMS na súa bisbarra e máis concretamente as actuacións nos ríos Troncoso e Leboreiro que se están a executar a través do proxecto internacional CARISMA – Calidade Ambiental das Reservas naturais fluviais internacionais do Medio Acuático.